As Pontes 2023: Operación Lago

O Lar de Endesa acolleu o 28 de decembro de 2013 a estrea do documental As Pontes 2023: Operación Lago, un traballo colectivo co que un grupo de xoves da localidade propomos unha reflexión crítica e sen prexuízos sobre a profunda transformación que está a vivir a vila pontesa nos últimos anos. Para nós, é unha mostra de que a xente ten interese por puntos de vista alternativos á visión institucional do lago como unha fonte de riqueza infinita agora que a central vai ir pouco a pouco perdendo importancia na economía local. O certo é que aínda non se ve un plan definido para o lago alén das ideas que se veñen plantexando nos últimos anos sen ter en conta que os soños son só iso e poden rematar de maneira radical. A estrea celebrouse con grande éxito e conseguimos encher o aforo do cine do Lar de Endesa.

A cinta está rodada con tono de reportaxe xornalística e intenta recoller as diferentes opinións en torno da cuestión. Máis ca unha posición directamente crítica, fixemos uso da ironía para plantexar unha historia distópica ambientada en 2023 a modo de balance tras o fin abrupto do proxecto por un tsunami que fixo que a mina volvera a quedar baleira e toda a actuación turística e económica rematase cun enorme fracaso. O traballo inclúe varios testemuños de personas relacionadas co lago dunha ou outra maneira. As entrevistas mostran esaxeracións sobre unha situación irreal, mais teñen relación directa co debate que se tivo sempre nas Pontes sobre o lago e as posibilidades que había de traer á vila. A historia ten certo aire de realismo máxico e plantexa a existencia dun monstro no lago. Non hai lago que se prece sen un monstro, polo que suxerir a existencia dunha criatura destas características podería ser un negocio lucrativo para quen o saiba explotar, como xa pasa en sitios como o Lago Ness.

O traballo é unha película colectiva rodada por un grupo de xoves ponteses que vimos a necesidade de voltar á súa vila desde cadanseu exilio ou emigración. De feito, case todas as persoas que participamos no proxecto vivimos fóra das Pontes, máis que nada porque non atopamos maneiras de sobrevivir e desenrolar as nosas carreiras nunha vila que se gaba de ser un centro industrial e económico de primeira categoría.

Éxito da campaña de comunicación Como preámbulo á estrea pública no Lar, e para conseguir unha difusión adecuada do traballo, deseñamos unha campaña para as redes sociais centrada en canles en Facebook e Youtube. No relativo aos medios de comunicación, conseguimos que diversas cabeceiras se fixeran eco da estrea: o Diario de Ferrol, El Progreso, El Correo Gallego, Praza Pública, Amigus.org… Tamén conseguimos unha entrevista no informativo galego de Radio Nacional.

Etiquetas/tags: , , , , , , , , , , , , , ,

No hay comentarios.

Envía tu comentario